María Vilas e o CN Galaico de Pontevedra, protagonistas no Trofeo Amizade

maría-vilasO equipo de natación Galaico de Pontevedra proclamouse vencedor do Trofeo Amizade por terceiro ano consecutivo. A décimo sexta edición do campionato ponteareán caracteirzouse polo man a man entre os pontevedreses e os integrantes do Clube Natación Ponteareas. Finalmente os primeiros obtiveron unha vantaxe de 14 puntos con respecto aos anfitrións.

O Trofeo Concello de Ponteareas, que distingue ao mellor nadador ou nadadora da competición, foi para a mundialista María Vilas. Trátase dun recoñecemento ao participante que faga a mellor marca nalgunha das súas probas. Para comparar as probas utilízase unha tabla compensatoria validada pola Federación Internacional de Natación. Vilas acadou un tempo de 2 minutos e 18 segundos nos 200 estilos.

O Trofeo Amizade congregou en Ponteareas a un total de 230 nadadores, amosándose un ano máis como unha das citas máis importantes do panorama galego. Tanto o alcalde ponteareán, Salvador González, como o concelleiro de Deportes, Alberto Novoa, estiveron presentes no acto final de entrega de medallas.