Máis de 170 nadadores danse cita na a II Travesía A Nado Vila do Tea

O Club Natación Ponteareas e a Concellería de Deportes da vila, dirixida por Benito Márquez, celebran por segundo ano consecutivo a Travesía A Nado Vila do Tea, proba que está incluída dentro do Circuíto Galego de Augas Abertas e que estará controlada polo comité de Árbitros da Federación Galega de Natación. A proba foi presentada oficialmente esta semana e os organizadores esperan que se converta nun referente na comunidade galega.
“Consideramos moi importante a celebración desta proba no río Tea. Debemos entre todos dignificar este área natural, e dalo a coñecer en toda Galicia, xa que moitas veces non lle damos a importancia que merece. Esperamos que esta proba teña moito éxito e que sexan moitos os visitantes que se acheguen a nosa vila para presenciar este evento deportivo”, indica Benito Márquez., concelleiro de Deportes.
A proba consta de diferentes categorías: Máster/popular, Élite, Infantil, Alevín, Benxamín/Menores, e relevos mixtos.
O percorrido das probas Elite, Máster/Popular, constará de tres voltas a un circuíto de 1200m. A saída terá lugar dende a auga, na beira do embarcadoiro da Praia Fluvial de A Freixa. Os nadadores nadarán río arriba pola marxe dereita ata unha boia situada a 600m e voltarán ao punto de partida pola marxe esquerda do río, deixando as boias sempre a man esquerda. Para as probas Infantil e Alevín, o percorrido constará de unha única volta ao mesmo circuíto.
O percorrido para as categorías Benxamín/Menores, constará dunha volta a un circuíto de 200 metros, na zona do embarcadoiro, na que nunca se perderán de vista aos nadadores. A saída terá lugar na área da praia fluvial.
A proba de Relevos 4X400 constará dunha volta a un circuíto de 400m. A saída terá lugar na zona do embarcadoiro, ao igual que nas outras categorías. Os nadadores irán río arriba ata unha boia situada a 200m e voltarán ao punto de partida.
“Esta segunda edición supón a consolidación desta proba, que sempre é o máis difícil. Quero destacar aquí o gran traballo e dedicación do Club Natación Ponteareas, que é quen fai posible que este evento poida ser posible”, sinalou Benito Márquez, concelleiro de Deportes.
A proba terá lugar este sábado na Freixa, dende as 10:30 da mañá.