O goberno de Ponteareas saca ao Concello da UCI económica

O concelleiro de Facenda e Persoal, Francisco Alonso, deu conta da mellora da situación económica do Concello que permitirá pagar as débedas históricas e as sentenzas nos vindeiros meses. Neste momento, o Concello ven de liquidar o 50% da débeda histórica coa empresa central eléctrica Sestelo co pago 434.125,58 euros en cumprimento da Sentenza 00229/2016 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “No momento que asumimos o goberno municipal, en xuño de 2015, a situación económica era grave e ademais durante os seguintes meses recibimos varias condenas e sancións que limitaron moitísimo o marxe de actuación, obrigando a destinar boa parte dos recursos a pagar as débedas históricas dos gobernos do PP”. afirmou Alonso.

Neste mes de setembro tamén liquidará outras débedas históricas relevantes como a débeda coa empresas Construcciones Crespo por importe de 258.000 euros e o importe restante con Augas de Galicia pola construción en 2011 da planta potabilizadora. Estas débedas xunto á da eléctrica Sestelo, xa pagada, supón liquidar débedas por un importe total de máis dun 1.500.000 euros (que inclúen as mencionadas e as do cadro resumo). O restante está pendente de pagar no que queda de ano.

Por primeira vez na história recente de Ponteareas, a final deste ano 2017 o remanente de tesourería será positivo. Isto significa que o Concello por primeira vez pode facer frente ao pago de todas as débedas e obrigas. “Podemos afirmar que sacamos ao Concello da UCI económica na que estaba” manifestou o concelleiro de facenda. A 31 de decembro de 2014, o remanente era negativo en 5.031.208€. “A partir de agora, co concello saneado, poderemos afrontar novos investimentos e atender en prazo os compromisos de pago”

 

 

O concelleiro de Facenda tamén criticou a actuación do anterior goberno do PP por ter a responsabilidade de impago de milleros de facturas coa empresa Sestelo e o descontrol contable das débedas. O goberno do PP recurrira o fallo xudicial en 2014 e no pasado ano 2016 o TSXG confirmou a sentenza de 2014, desestimando o recurso de apelación por inconsistente . “Solla e Villar foron incapaces de por orde na contabilidade para pagar ás débedas en prazo e defender os intereses do Concello, por iso desestimaron o seu recurso” explicou o concelleiro de facenda, Francisco Alonso, engadíndo que foi o goberno actual quen logrou aclarar toda esta situación e poñer orde para pechar un acordo xudicial co que realmente se debía.

“O que tiña que facer Villar e Solla en 2014, en lugar de recurrir unha sentenza sen argumentos como desculpa de mal pagadores, era preocuparse porque a contabilidade municipal reflexara as débedas reais e pechar un acordo xudicial daquela, hai 3 anos.”

O concelleiro de facenda instou ao PP a dar explicacións aos ponteareáns polo impago destas débedas de gasto corrente en iluminación pública e polo descontrol contable, “tamén sería desexable que deixaran de mentirlle á cidadanía e dixeran algunha verdade asumindo a súa responsabilidade de levar o concello á intervención do Ministerio de Facenda co embargo dos ingresos durante 50 meses”

“Resulta insultante ver as declaracións dos concelleiros do PP de que pagar agora 867.400 euros desta débeda histórica non supón ningún problema, como si non pasase nada, como si fora igual contar ou non con 867.400 euros máis. Non sei a quen queren enganar ou si realmente queren cabrear aínda máis aos ponteareáns polo súa desastrosa xestión. Solla, Villar e todos os concelleiros do PP o que debían facer e pedir perdón á cidadanía”, concluíu o concelleiro de facenda.