Gala de Concienciación do Autismo no auditorio de Ponteareas

As concellerías de Benestar Social e Igualdade, Cultura e Ensino convidan a participar na Gala de Concienciación sobre o autismo e brinda o seu apoio á asociación Familias Azuis que neste primeiro ano de andaina traballou para a mellora da vida dos nenos e nenas con autismo. 

A asociación Familias Azuis de Ponteareas, que pertence á Federación Autismo Galicia, traslada a toda a veciñanza a romper barreiras e facer unha sociedade accesible. Con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o autismo, Familias Azuis celebra mañá sábado día 7 de abril a Gala Concienciación do Autismo en colaboración co Concello de Ponteares. A cita será no auditorio municipal de Ponteareas ás 18 horas.

A organización ofrece servizo de garderia para nen@s grazas á colaboración da empresa Enredos Animación.

As concelleiras nacionalistas, Verónica Carrera, Hortensia Bautista e Cristina Fernández, insisten na necesidade de que a sociedade entenda cales son as barreiras coas que se atopan os e as nenas con autismo porque iso permitirá unha mellor adaptación ás súas necesidades e reforzará a inclusión destas persoas en todos os ámbitos da sociedade. 

Con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo o Concello estará alumeado en tono azul apoiando, ao igual que o ano pasado, esta campaña iniciativa de Autismo Galicia.

O goberno de Ponteareas traballa por e para a inclusión de toda a cidadanía facendo da cidade un espazo para todos e para todas máis amable e libre de barreiras que dificulten a socialización.