Continúa empeorando a situación sanitaria en Ponteareas, que alcanza os 240 casos

Este sábado desenvolverase un operativo especial durante o mercado

A situación sanitaria en Ponteareas provocada pola COVID19 continúa a ser alarmante. O número de casos activos sitúase este venres en 240, cunha incidencia acumulada a catorce días que xa supera os 1000.

 

No encontro mantido esta semana entre Sanidade e os concellos da área sanitaria de Vigo con maior incidencia da pandemia, o goberno ponteareán insistiu na necesidade de realizar un cribado masivo na localidade, como se vén solicitando dende hai meses para detectar persoas asintomáticas portadoras do virus.

 

A alcaldesa en funcións e concelleira de saúde, Cristina Fdez. Davila, sinalou que “malia que se permitiu a realización de probas PCR voluntarias por sectores, a día de hoxe a maioría das persoas anotadas continúan agardando a chamada para acudir a realizala, a pesar de ser Ponteareas un dos concellos con maior incidencia da área e que continúa medrando sen control. Isto só se pode entender se nos vindeiros días a Xunta nos autoriza a realización dun cribado masivo na localidade, como xa se realizou noutros concellos galegos”, afirmou Fdez. Davila, lembrando que o goberno local continúa coa man tendida para colaborar en todo o que sexa posíbel.

 

En canto ás feiras e mercados, a propia Xunta indicou nesta xuntanza que se manteñen abertos ao teren a mesma consideración que os comercios. O goberno local informa que para este sábado contará cun operativo especial formado pola Policía Local e a Agrupación Municipal de Voluntarias e Voluntarios de Protección Civil para garantir que se cumpran as medidas sanitarias vixentes. Neste sentido, a alcaldesa en funcións solicitou tamén a colaboración da Garda Civil, que velará polo cumprimento do peche perimetral instaurado en Ponteareas.

 

A Xunta fixo un chamamento a que os concellos non tomen decisións pola súa conta, senón que se actúe con homoxeneidade no marco das medidas que recomende o comité clínico. Seguindo esas indicacións, o goberno local agardará á xuntanza que manterá o luns este órgano para velar polo cumprimento das novas restricións que decida a administración galega e que afecten á localidade.