Comezan as obras de mellora da seguridade viaria na Avda. Castelao

sdr

O Alcalde Xosé Represas e e a Tenente de Alcalde de Ponteareas, Chus Garrote, informan á cidadanía que hoxe comezaron as obras de mellora da seguridade viaria na avenida Castelao.

Grazas á colaboración entre as distintas administracións, Represas e Garrote dan resposta a esta demanda da veciñanza que o actual goberno leva reclamado como obra prioritaria e que ascende únicamente a 25.000€ de custe.

O goberno local acompañou ao delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, para a supervisión das obras menores que consistirán na realización dun pequeno tramo de beirarrúas no comezo desta avenida, preto do entronque coa N-120, donde non existen.

Ademais, os operarios da Xunta de Galicia xa están a proceder ao cambio do paso de peóns á altura do edificio 15 de maio para reubicalo e elevalo obrigando a reducir a velocidade. 

A maiores, o goberno de Ponteareas solicitou á Xunta o pintado de todos os pasos de peóns da avenida para facelos máis visibles. 

Represas e Garrote engaden que o concello, pola súa parte, completará esta obra menor, que realiza a Xunta de Galicia a petición do goberno local, coa mellora da iluminación no novo tramo de beirarrúa e adiantan que xa están a traballar na redacción do proxecto de mellora integral da iluminación nesta avenida. 

O goberno local mantivo distintas reunións coa Conselleira de Infraestruturas para dar solución a este problema que afecta non só á veciñanza da avenida Castelao se non tamén ao resto dos peóns que a diario fan uso dos servizos do comercio desta zona ou que acceden ao paseo do Tea a través deste tramo.

“Alegrámonos que por fin se mellore a seguridade e se garanta o tránsito seguro dos peóns, sobre todo daqueles con mobilidade reducida, xa que dende hai anos agardan unha resposta e actuación da Consellería ao ser unha estrada da súa titutaridade”, explica Chus Garrote.

Pola súa parte, o Alcalde de Ponteareas, salienta a importancia de saber traballar en coordinación coas distintas administracións no beneficio da cidadanía deixando a un lado os intereses dos partidos. “O goberno que dirixo sempre brinda o apoio preciso ás distintas administracións para que os proxectos saian adiante e non queden esquecidos nos caixóns por falta de entendemento”.