O Club de Bádminton congregará a 120 deportistas este domingo no pavillón Álvaro Pino de Ponteareas

 

O concelleiro socialista de Deportes, Benito Márquez, e o presidente do Club Bádminton Ponteareas, presentaron o Campionato Escolar Zonal Secundaria de Bádminton que se celebrará o vindeiro catro de marzo en colaboración co Servizo Provincial de Deportes dependente da Xunta de Galicia, coa Asociación Deportiva Escolar do Condado e do Concello de Ponteareas.

A Ponteareas achegaranse arredor de 120 deportistas de distintos centros educativos de secundaria da comarca que foron seleccionados de entre máis de mil en idade escolar ao longo de varias xornadas deportivas de bádminton entre distintos centros educativos de secundaria da comarca a través de xornadas escolares no pavillón Álvaro Pino de Ponteareas ou nos propios centros educativos. 

Coa celebración destas xornadas o club pretende incentivar aos pequenos e pequenas  vexan o bádminton como unha diversión e un xeito de pasar o tempo xogando mentres compiten xa que o exercicio regular favorece o bo desenvolvemento físico e mental. Ademais, a práctica de exercicio axuda a integrarse máis socialmente e a adquirir valores como o compañeirismo, aprender a perder, seguir regras, aumenta as posibilidades motores etc. 

As xornadas con estes escolares consistirán en ensinarlles un pouco máis deste deporte a traverso de charlas, vídeos, exhibicións e partidos. 

Os clasificados neste campionato pasarán a participar no Campionato Escolar Zonal Condado Paradanta Baixo Miño que se celebrará o vindeiro seis de maio. 

O club agradece a axuda prestada pola Asociación Deportiva Escolar do Condado e A Paradanta (ADECONPAR) así como a todos os profesores de educación física dos centros escolares e institutos que estiveron involucrados neste programa escolar. Tamén agradece ao Concello de Ponteareas e ao Servizo Provincial de Deportes de Vigo a súa colaboración e apoio. 

“Este é o momento ideal para que os afeccionados ao bádminton e ao deporte en xeral se acheguen a desfrutar no pavillón Álvaro Pino de Ponteareas, en calquera das nosas escolas en Arbo, Mondariz, Covelo, A Cañiza, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas ou en calquera dos torneos marcados na axenda da tempada”, explica o presidente do Club, Víctor Lemos.

O concelleiro de Deportes, o socialista Benito Márquez, anímaos a seguir formando deportistas completos non só a nivel físico se non tamén actitudinal. “Animamos a tódolos veciños a que se acheguen as instalacións municipais para que vexan in situ un deporte que pouco a pouco está gañando adeptos na nosa vila e na nosa comarca”.

Para máis información poden chamar ao número de teléfono 656 26 15 42 ou ao 609 927 471 ou ben no enderezo electrónico cbponteareas@yahoo.es