Clausura do Campamento urbano do Concello de Ponteareas

campamento urbano 2014-1Campamento urbano2014O pasado día 14 de agosto clausurouse o Campamento urbano do Concello de Ponteareas, que tivo lugar no Colexio Ramiro Sabell Mosquera desde o día 14 de xullo ao 14 de agosto, de xeito totalmente gratuíto. Este campamento tivo un gran éxito de participación, contando cun total de 97 nenos e nenas que pasaron unhas mañás diferentes, con actividades grupais deportivas, obradoiros de cociña, actividades de reciclaxe con material de refugallo, visitas ao Parque de Bombeiros ou Policía de Ponteareas, contemplación in situ da elaboración das famosas rosquillas de Ponteareas, creación dos singulares globos de papel, ou actividades tendentes á educación en valores, entre outros. Este campamento englobouse dentro das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para as entidades locais, dentro do programa de Fomento da Conciliación.

A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Carrera, responsable deste campamento urbano, manifesta a súa satisfacción polo éxito desta acción que tivo como finalidade conciliar a vida familiar e laboral durante a época de verán e espera poder repetir esta actividade todos os anos para intentar que os nenos teñan durante este tempo libre actividades gratuítas onde poidan relacionarse e divertirse e que, ao mesmo tempo, permita compatibilizar o traballo fóra da casa dos seus pais coas responsabilidades e obrigas familiares.

Así mesmo, Andrés Sampedro, responsable da concellería de Educación e Xuventude, quere salientar a importancia deste tipo de aprendizaxes non regradas, nas que se traballan de xeito transversal moitos aspectos importantes como son o respecto polo medio ambiente, o xogo en grupo, a solidariedade e todos aqueles aspectos relacionados coa educación en valores.