As flores de Asprodico anuncian a chegada do mes de Corpus en Ponteareas

Por segundo ano consecutivo os usuarios e usuarias de Asprodico, os voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado e o alumnado da Ludoteca aportan o seu grande gran de area no engrandecemento da festa do Corpus de Ponteareas confecionando preto de cincocentas flores que adornarán os escaparates e comercios de Ponteareas.

Os edificios municipais tamén estarán engalanados con estas flores artesanais feitas co cariño de todos estas e estes voluntarios que nos últimos quince días invertiron os seus folgos e facer que a cor da arte floral inunde Ponteareas.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, Verónica Carrera, agradeceu aos participantes o seu traballo e ilusión. “A festa do Corpus e a arte floral ten a súa orixe no pobo e pervive grazas ao pobo que ano tras ano traballa na confeción das alfombras florais, motivo polo que dende o goberno local involucramos a toda a veciñanza. As alfombras florais de Corpus son un sentir que debemos seguir incentivando”.

O Alcalde de Ponteareas recibíu das mans dos autores as flores que nos vindeiros días comezarán a verse polo centro urbano. 

A concelleira quere agradecer tamén o apoio e traballo realizado polas traballadoras do Centro Asprodico e da Ludoteca que aportan non só a súa creatividade se non tamén o seu traballo para que todo saia adiante con resultados excelentes.