As atraccións das Festas de Setembro contarán con descontos e horarios sen ruído

O obxectivo é que as persoas con sensibilidade poidan gozar tamén das festas

Será os domingos 11 de setembro e 2 de outubro de 17.00 a 19.30 horas e coincidirá co día de descontos do 50% para nenos e nenas

Un ano máis, nestas Festas de Setembro as atraccións feirais funcionarán sen música nin megafonía durante dúas tardes. O Concello de Ponteareas continúa a ter en conta ás persoas con diversidade funcional e pon de novo en marcha unha iniciativa para reducir os niveis de ruído e facilitar que as persoas con sensibilidade auditiva ou calquera outro tipo de trastorno que produza problemas sensoriais poidan tamén gozar das atraccións e da festa.

Como explican dende as concellarías responsábeis, a de Eventos e Promoción Económica, os domingos 11 de setembro e 2 de outubro haberá horarios sen música nas festas. Esas xornadas as atraccións abrirán de 17.00 a 19.30 horas sen música, sons ou megafonía e non se poderá realizar calquera actividade que prexudique ou desfavoreza o uso e desfrute das atraccións e actividades das festas as persoas con sensibilidade acústica.

Os horarios sen música coincidirán co Día da Infancia, dúas xornadas nas que o público poderá gozar das atraccións con descontos do 50%, para garantir o acceso á veciñanza e que todos os nenos e nenas poidan gozar das festas independentemente do poder adquisitivo das familias. Durante todas estas festas as atraccións estarán situadas na Avenida de Castelao e haberá dous inchábeis tamén na Praza da Música.