APEGO acompañará a primeira infancia dos cativos e cativas de Ponteaeas

O Concello de Ponteareas a través da Concellería de Cultura presenta mañá venres, día 15 de decembro, o proxecto APEGO no Auditorio Reveriano Soutullo, ás 17.00 horas, coa actividade de animación infantil para nenos de 0 a 5 anos  “Fíos do querer”, a cargo de Cé Orquestra Pantasma.

“Fíos do querer” é un espectáculo pensado para cantar e bailar , pero sobre todo, para xogar en familia. As cancións e a música conseguen namorar a grandes e miúdos desde o comezo deste espectáculo.

O Concello de Ponteareas adheriuse a este programa neste 2017 co obxectivo de botalo a andar antes de que remate este ano, ofertándolle ás familias actividades e recursos para a socialización dos nenos e das nenas na nosa lingua.

O Proxecto Apego,despois de recibir o Premio Rosalía de Castro de Lingua 2017, que concede a Deputación da Coruña, acaba de ser galardoado tamén co Premio da Cultura Galega 2017 na modalidade de lingua.

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.

Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.

Esta iniciativa, posta en marcha en 2015 e nacida no seo da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), é desenvolvida desde os servizos de normalización lingüística de 30 concellos: A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, O Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vimianzo.

O obxectivo é facilitar a incorporación da lingua propia de Galicia na comunicación familiar cos máis pequenos, mediante diferentes actividades, recursos e materiais.