O Alcalde de Ponteareas trata cos colectivos sociais o plan de defensa contra incendios forestais

A concellería de Medio Ambiente que dirixe o Alcalde Xosé Represas e a concellería de Medio Rural, de Manolo Troncoso, avanzan no plan de protección dos montes e prevención dos incendios e están a manter nestes días diferentes encontros coa veciñanza das parroquias acompañados por enxeñeiras forestais que trasladan o inventario da rede de defensa contra os incendios forestais en Ponteareas. 

Encontros nos que as enxeñeiras non son informan se non que escoitan e resolven as dúbidas dos e das representantes dos colectivos veciñais (Comunidades de Montes, Veciñais, Traídas de Augas e outras).

O Alcalde explica que o obxectivo é concienciar e facer partícipe á cidadanía formándoa para afrontar este tipo de situacións de risco e asi diminuir os danos dos lumes. “Protexer as vivendas e edificacións é o prioritario pero para isto debemos traballar de xeito conxunto ofrecéndolle aos veciños as pautas de actuación”.

As enxeñeiras despregan información sobre a rede de defensa informando sobre as infraestruturas e equipamentos vinculados á defensa e loita contra os incendios que basicamente son a rede de faixas de xestión de biomasa, a rede viaria forestal, os puntos de auga e a vixilancia e detección de incendios forestais.

Coas faixas de xestión de biomasa donde se procede á eliminación da biomasa vexetal preténdese dar continuidade horizontal e vertical de carga de combustible para diminuir o risco de incendio e atenuar a súa propagación.

Neste inventario establécense os puntos prioritarios a desbrozar e os metros do perímetro que deben limparse: solo urbano, urbanizable e de núcleo rural, edificación, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, gasoliñeiras e instalacións industriais, cámpings… É dicir, infraestruturas de uso público ou áreas recreativas, vías e camiños forestais.

A lexilación autonómica recolle que os propietarios ou arrendatarios destas zonas de faixa están na obriga de limpar antes do 31 de maio, a partir desa data o concello notificará. 

O Alcalde de Ponteareas adianta que este plan municpal de prevención e defensa contra os incendios forestais estará integrado no plan municipal de emerxencias e nel delimítanse a rede de defensa, catalóganse as infraestruturas de uso forestal existentes e identifícanse as referencias catastrais afectadas polas faixas de biomasa.

No inventario tamén se identifican as superficies forestais que se clasifican en tres categorías: montes veciñais en man común de xestión propia ou xestión pública cun total de 25 CCMM; montes públicos e superficie forestal en mans de particulares.

Tamén se destacan os espazos naturais protexidos e áreas sensibles, Rede Natura 2000 e Rede galega de espazos naturais protexidos, entre outros espazos naturais.

Os encontros personalízanse en función das parroquias convocadas para ese día, xa que ao final da presentación dase información de cada parroquia presente.

Agrupados por áreas xeográfica en Guillade, Cumiar, Celeiros e Fozara e tamén en Pías, Padróns e Paredes xa contan con esta información e agora seguirán cada luns e mércores agrupando parroquias cercanas ata acadar a totalidade das parroquias co obxectivo de chegar ao máximo número de persoas. agrupar

Represas insiste na necesidade de previr e contar con ferramentas propias que permitan estar o mellor preparados posibles para afrontar as vagas do lume. “Evitar males maiores pasa por previr, informar á cidadanía, formalos, coñecer o punto de partida, inventariar a nosa situación para saber qué hectáreas e cómo son esas áreas que debemos protexer. So coñecendo de xeito pormenorizado o noso territorio podemos deseñar un plan para protexernos e con que protexernos”.