A veciñanza de Ponteareas xa pode recoller o calendario 2022 que homenaxea a obra do caricaturista Vidales Tomé

Dende hoxe todas as persoas que o desexen poderán adquirilo no Concello ou na Biblioteca Municipal

 

O Concello de Ponteareas quere agasallar a toda a veciñanza co seu Calendario Galego 2022 no que homenaxea ao gran caricaturista ponteareán Vidales Tomé. Todas as persoas que o desexen poderán adquirilo no Concello ou na Biblioteca Municipal de maneira totalmente gratuíta. 

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, explica que con este calendario “queremos reflectir o traballo deste gran artista, persoa nada en Ponteareas a finais do século XIX., e que cos seus debuxos foi quen de reflectir unha época”. O deseño destaca viñetas críticas, sarcásticas moitas veces, cun gran sentido do humor e que, en palabras da rexedora, “seguen sentíndose actuais”. Vidales Tomé puxo de relevo cos seus debuxos e cun gran sentido do humor os aspectos máis negativos do momento que lle tocou vivir nunha Galicia caracterizada pola fame, a pobreza, a emigración e a falla de igualdade social.

 

Cristina Fernández Davila tamén quere facer unha mención especial ao veciño Miguel Novoa, xa que foi el o que aportou todo o material usado para a elaboración desta edición do Calendario “coa que imos dar a coñecer o carisma e creación deste ponteareán que viviu unha época convulsa na primeira metade do século pasado e que este Goberno, como quería Xosé Represas en concreto, recoñece”.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, tamén destaca que o legado de Vidales Tomé está ben continuado pola boa factura de debuxantes que hai en Ponteareas, como Pablo Prado e Anémona de Río, que publicaron recentemente dous álbums con Galaxia e Xerais: “O derradeiro libro de Emma Olsen”, adaptación da novela de Berta Dávila, e a “A proba da auga”, e tamén Sergio de Arcos. Os tres foron gañadores do premio de banda deseñada de O Garaxe Hermético.