A Mesa Local de Violencia de Xénero reúne a todos os axentes implicados

As concelleiras de Seguridade Cidadá e Benestar Social mantiveron un encontro no que se abordaron as medidas a tomar para combater esta problemática

mesa-local-violencia-xeneroA concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, veñen de constituír a Mesa Local de Coordinación da Violencia Xénero, a cal servirá para establecer as medidas que se tomarán en relación coa coordinación dos diferentes axentes implicados na intervención que permita paliar os danos desta problemática.

A Mesa, que foi presidida por Vanesa Fernández, contou coa presenza do Ministerio Fiscal (ausente na pasada lexislatura), da Garda Civil, da Subdelegación do Goberno, do Equipo de Muller-Menor da Garda Civil (EMUME), do Centro de Información para a Muller, da concellería de Seguridade Cidadá e da concellería de Benestar Social e Igualdade.

Todos os que se sentaron arredor da táboa cadraron na necesidade de acadar unha boa coordinación entre os diferentes organismos, especialmente no momento da intervención, “pois é a única maneira de garantir que o procedemento a seguir sexa eficaz”, apuntaron ámbalas dúas concelleiras.

A prevención destes feitos tamén ocupou unha boa parte do diálogo, salientando a concordancia por parte de todos os axentes na necesidade de incidir no eido educativo, no nivel de educación secundaria, a través de iniciativas que conciencien aos adolescentes desta problemática e, sobre todo, que permitan mentalizar ás rapazas da importancia de obter unha independencia económica e psicolóxica na súa vida adulta, de xeito que minimicen ás posibilidades de padecer un episodio de violencia de xénero.

Tanto Verónica Carrera como Vanesa Fernández manifestaron o compromiso de traballar e colaborar cos diferentes organismos implicados para loitar contra “unha lacra social”. Ao longo deste ano 2015 xa foron detectados 23 casos de violencia de xénero en Ponteareas. No mes de novembro do pasado ano 2014 foran detectados 29 casos.