A IV Semana das Ciencias acolle a I Feira da Saúde e Benestar organizada por BANASTRA

As tres universidades galegas estarán presentes na cuarta edición da Semana das Ciencias,, así o adiantou a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, que este ano presenta como novidade a primeira feira da Saúde e Benestar que terá lugar o día 6 na contorna da praza Bugallal de 10 a 20 horas.

A Universidade da Coruña, a de Santiago e a de Vigo terán un stand no que compartirán os seus proxectos e investigacións xunto aos demais postos das diferentes empresas do sector. Esta actividade está organizada polos comerciantes de Ponteareas a través de BANASTRA.

Esta primeira feira da Saúde e do Benestar forma parte dun completo programa que ao longo de seis días achega á ciencia á cidadanía. “Que as persoas se familiaricen coa ciencia e descubran que está detrás de cada secuencia do día a día, que vexan a importancia da investigación e que lle perdan o medo é o obxectivo desta semana das ciencias que, ano tras ano, medra e recibe recoñecementos”.

Ademais das visitas educativas a empresas e museos, tamén haberá contacontos, exposicións fotográficas, o congreso do alumnado, o seminario para profesorado e o museo permanente “ciencia en movemento” con máis de setenta obxectos que baixo o lema “prohibido non tocar” se ofrecen ao alumnado ponteareá de 6º de primaria e 4º da ESO.

Para garantir que toda a cidadanía participe a ciencia sae ás rúas e o día 5 de 17:30 a 20:30 horas e invade a praza Bugallal con stands dos centros escolares nos que o público poderá experimentar, interactuar e manipular os inventos e propostas que acheguen en cada stand.

No salón de plenos do concello terá lugar o día 6 un nova edición de “Achégate á ciencia” ás 11:30 horas co obradoiro impartido por EDUVÍA “Con ciencia de muller” e ás 12:00 horas, a doutora en ciencias da saúde Thais Pousada realizará un obradoiro sobre trucos e materiais de baixo custo para a vida autónoma aberto a todos os públicos. Neste mesmo emprazamento ás 13:00 hora entregaránse os premios do concurso de fotografía “Ponteareas e a saúde”.

Durante estes seis días a sala multiusos do auditorio acollerá sete conferencias. Benito Vázquez Dorrío, doutor en física e premiado en 2018 por “Ciencia en acción” será o encargado de abrir esta IV Semana das Ciencias o día 1 ás 19 horas na sala multiusos do auditorio. A doutora en medicina e especialista en neumoloxía no hospital Álvaro Cunqueiro, a ponteareá Cristina Represas Represas, ofrecerá a primeira conferencia baixo o título “Respirando saúde”.

As distintas conferencias que se producirán ata o día 4 viaxarán polo mundo da autoestima e da psicoloxía, polo medio ambiente e a saúde, pola submisión química, polos tratamentos para déficits de atención e hiperactividade, pola fisioterapia do solo pelviano ata chegar á conferencia final “A Música da Mente”, a cargo de Xurxo Mariño, doutor en ciencias biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela.

O pasado ano, a Semana das Ciencias recibíu o recoñecemento da organización internacional HSCI (Hands of Science) pola súa labor de excelencia.

Cristina Fernández agradece a todos os poñentes, profesorado e alumnado a súa participación e convida a toda a cidadanía a participar nesta semana na que a ciencia se amosa práctica, divertida, indispensable e atractiva.