A investigación de Óscar Pazos sobre a minaría galaico-romana pon o broche de ouro ao ciclo ‘Abril, mes do libro’

A presentación será este mércores 26 ás 20.30 horas na sala multiúsos

A investigación de Óscar Pazos sobre a minaría galaico-romana pon o broche de ouro ao ciclo ‘Abril, mes do libro’O ciclo de presentacións literarias ‘Abril, mes do libro’ chega esa semana ao seu fin cunha nova proposta que porá o broche de ouro a unha iniciativa coa que o Concello busca achegar ao público obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila de Ponteareas e que forma parte da programación coa que conmemorar o Día Mundial do Libro.

Este mércores 26 de abril o encargado de subirse ao escenario será o xeólogo Óscar Pazos Rodríguez, que presentará o seu libro ‘A invención da Gallaecia e a minaría de ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia’, unha obra que permite comprender como Galicia se converteu na gran mina de ouro do Imperio Romano e a importancia que isto tivo para a paisaxe.

Pazos comezou en 2013 a investigar as pegadas da minaría galaico-romana na zona do Baixo Miño como parte da súa investigación xeo-arqueolóxica da cavada do Rego da Serpe, situada nas illas Cíes. Foi facendo este estudo cando atopou unha chea de minas, indicios e pegadas mineiras descoñecidas, sen documentar ou mal interpretadas, polo que decidiu escribir esta obra na que sintetiza os principais achados que realizou ao longo destes anos de traballo.

A presentación terá lugar ás 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada libre ata completar aforo. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar do peche de ‘Abril, mes do libro’, e quere agradecer a súa presenza “a todas as persoas que nos acompañaron ao longo destas semanas na presentación de obras cativadoras de notables autores e autoras”.