A humanización da rúa Constitución conectará peonilmente a Casa do Concello coa Praza de Bugallal

A humanización da rúa Constitución conectará peonilmente a Casa do Concello coa Praza de Bugallal

Actualmente está peonalizada de forma transitoria e no futuro será un espazo de plataforma única con pavimento de granito

O Goberno Municipal do BNG-PSOE continua dando a coñecer os proxectos de humanización do centro urbano, que transformarán por completo rúas actualmente peonalizadas de forma transitoria para convertelas en espazos de calidade, atractivos e de encontro social. Como explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, “son proxectos que contribuirán a unha maior dinamización do espazo, converténdose en lugares de encontro para a veciñanza e beneficiando tamén así ao comercio local”.

O Concello redactou e presentou á veciñanza o proxecto de reforma da rúa Constitución, que conecta a Casa do Concello e os Xardíns da Xiralda coa Praza de Bugallal e que abrangue unha superficie de intervención próxima aos 500 metros cadrados. A intervención converterá esta rúa nun espazo en plataforma única, integrando os actuais xardíns xa existentes co resto da rúa, e incorporará mobiliario urbano e xardineiras. Ademais, contémplase a renovación das canalizacións soterradas de servizos como saneamento, abastecemento de auga, electricidade ou telecomunicacións. O pavimento que se colocará é de pedra, concretamente granito gris Mondariz, empregando lousas de diferentes dimensións, acabados e tonalidades.

A humanización da rúa Constitución conta cun orzamento de 638.000 euros e enmárcase no proxecto de reforma urbana de todo o centro da vila de Ponteareas ao redor da Praza de Bugallal, que abrangue 8.500 m2 e que inclúe, ademais de Constitución, as rúas Concha Brey, Virxe dos Remedios, Reveriano Soutullo, Senén Canido, Morales Hidalgo e Vidales Tomé.

Segundo o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, “este espazo que antes era un lugar de tránsito constante de centos de coches con beirarrúas estreitas, hoxe é un espazo xa recuperado para as persoas e co proxecto de humanización converterase nun gran espazo de calidade urbana e comercial”.