A entrada ao centro urbano pola Avenida de Galicia cortarase ao tráfico durante 12 horas o xoves día 17

O acceso ao centro desde a N-120 deberase facer pola Avenida de Castelao

A concellaría de Mobilidade e Tráfico informa do corte ao tráfico da entrada ao centro urbano pola Avenida de Galicia o vindeiro xoves a partires das 8 horas da mañá e durante aproximadamente 12 horas. O motivo do corte é a necesidade de realizar unha zanxa transversal en dita avenida para as canalizacións soterradas da rede de calor con biomasa.

Con este corte puntual o acceso ao centro de Ponteareas desde a N-120 deberase realizar pola Avenida de Castelao. Para minimizar o impacto no tráfico haberá presenza da Policía Local nesta avenida. Ademais instalaranse sinalizacións informativas nas diferentes rotondas situadas na N-120.

Para saír do centro cara a N-120 mantéñense os actuais itinerarios por rúa Ferreiros, Castañal e Paseo Matutino. Pola avenida de Galicia poderase transitar até a rúa Carballos e dende aquí continuar por Castañal para saír á N-120.

Unha vez máis, o goberno municipal agradece a comprensión veciñal diante dos inconvintes e incomodidades que todas as obras en espazos públicos inevitabelmente sempre xeneran. Ademais, salientan a importancia desta obra que abastecerá de calor con biomasa á Casa do Concello, Escola Infantil, Estación de Autobuses e Edificios do Centro de Día, Centro de Maiores e Centro de Servizos Sociais, o que suporá unha enorme redución das emisións de CO2, mellorando a calidade do aire na vila, así coma un considerábel aforro económico.