A décima edición do Open Vila do Corpus atrae a tenistas de primeiro nivel

A partir do xoves día 20 as pistas de tenis da Freixa acollerán a X edición do Open Vila do Corpus que se prolongará ata o día 30 de xuño e que recibirá xogadores de dentro e de fóra de Galicia. Como cada ano desputarase en tres bloques diferenciados: Vila do Corpus, Vila do Corpus Feminino e Vila do Corpus Masculino.

O Vila do Corpus acollerá as categorías de benxamín, alevín, infantil, cadete e junior, tanto masculino como feminino.

No Vila do Corpus Feminino destaca a participación de Carla del Barrio, número dous do ranking galego. Esta tenista xa desputou este torneo en anteriores edicións vencendo en dúas ocasións e a partir do mes de agosto continuará a súa formación na Universidade Wolf Parck de Nevada (Estados Unidos).

No Vila do Corpus Masculino salienta a participación do asturiano Roberto Menéndez quen chegou a posicionarse no número 292 do ránking ATP e, na actualidade, é o campión do mundo +40 ITF. O Club de Tenis Ponteareas, organizadores da proba, agarda a este xogador no cadro principal na categoría absoluta xa que tamén se contará con outros dous veteranos +35 e +45. Ademais desta figura do tenis, destacan outras a nivel estatal como o madrileño Ricardo Villacorta, no posto 517 da ATP e gañador de numerosos torneos ITF estatais e ao vallisoletano Jorge Hernando, no posto 612 ATP e tamén gañador dos citados torneos estatais.

A nivel galego destacan Tomás Curras, número un no ranking galego; Yago Salvador Pita, cuarto; Roberto Rodríguez, quinto, e o actual defensor do título Open Vila do Corpus Simón Arca, recén chegado do seu primeiro ano universitario en Estados Unidos.

O Club de Tenis disporá de trofeos para todos e todas as finalistas e repartirá un total de 1.500€ en metálico nas categorías absoluto masculino e feminino.