A alcaldesa de Ponteareas pide explicacións e urxe á Xunta que dote de persoal o Centro de Saúde

A alcaldesa de Ponteareas pide explicacións e urxe á Xunta que dote de persoal o Centro de Saúde

Con máis de 8.000 veciños e veciñas sen persoal médico asignado, a rexedora asegura que “a situación é insostíbel e non podemos seguir con parches improvisados”

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, vén de dirixirse ao Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia co obxectivo de que visite a localidade para coñecer de primeira man “o caos e a precariedade da atención sanitaria no Centro de Saúde”.

A finalidade, segundo detalla a rexedora, é “concretar as medidas a adoptar para reforzar de xeito inmediato o persoal do Centro de Saúde e PAC de Ponteareas, poñendo dunha vez os recursos precisos para unha sanidade pública de calidade”.

Cristina Fernández Davila lembrou que na actualidade “hai máis de 8.000 veciños e veciñas que non contan con medico nin médica asignada, debendo acudir a urxencias ou a un facultativo diferente cada vez que precisan atención sanitaria ou control dalgunha enfermidade crónica”.

A alcaldesa xa mantivo nos pasados días unha conversa co Xerente da Área Sanitaria de Vigo ante a situación do Centro de Saúde de Ponteareas, e desta despréndese “que as veciñas e veciños do noso municipio seguirán sen contar coa atención que lles corresponde”, sinalou Fernández Davila.

“A situación é insostíbel e non podemos seguir con parches improvisados. O Concello de Ponteareas sempre estará coa man tendida á Xunta, ofrecendo a colaboración que precisen para mellorar a situación actual, pero é necesario que nos dean explicacións e que tomen todas as medidas para rematar definitivamente coa actual situación de colapso da Atención Primaria, que pon en perigo a vida das nosas veciñas e veciños”, concluíu a alcaldesa.