Yaiza Cameselle presenta “La guerra de Elisabeth” dentro do Abril, mes dos libros

Yaiza Cameselle, natural de Mondariz mais vinculada dende a infancia con Ponteareas, presenta o seu primeiro libro de poemas, La guerra de Elisabeth.

Será no marco do ciclo de presentacións de libros Abril, mes dos libros que organiza a Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas para celebrar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor. O acto terá lugar o vindeiro xoves 29 de abril, ás 19 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal, e contará coa presenza e participación da autora e da profesora Iria Mota Teixeira.

Actualmente, Yaiza estuda criminoloxía e psicoloxía en Girona. Escribe dende a adolescencia; no ano 2019, un dos seus poemas foi publicado na primeira antoloxía poética da Editorial Sinergias.

A autora escribe baixo o pseudónimo de Elizabeth Guerra Torres, porque quería protexerse e ocultar o medo a que a xente vise o que escribía e o que sentía. O nome pretende honrar as persoas máis importantes da súa vida; Guerra, porque era o que estaba vivindo no seus sentimentos e, Torres, pola fortaleza e firmeza que representa.

“Con esta nova presentación, a cuarta do mes, seguimos presentando as novas propostas e, xa que logo, novas voces que chegan á literatura dende Ponteareas como epicentro creativo. Neste caso, é o primeiro libro dunha rapaza nova que se iniciou na poesía como terapia para superar unha ruptura sentimental, o que pon de manifesto a importancia da lectura e a escritura para plasmar e reflexionar sobre os sentimentos das persoas” sinala o edil de Cultura, Fernando Groba.

Para asistir á presentación, é necesario reservar entrada a través do teléfono 618 705 635 ou escribir un correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal.