Xurxo Chapela protagoniza o ciclo “Venres D_letras” con “Lémbrome”

O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello, a partir das 20:30 horas

O escritor carballés Xurxo Chapela protagonizará o día 10 de febreiro o ciclo “Venres D_letras”, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas. Neste ciclo, no que participan escritores e escritoras galegos para presentar na vila as súas novidades editoriais, Xurxo Chapela traerá baixo o brazo o seu último traballo, “Lémbrome”, publicado por Edicións Positivas.

“Lémbrome” é a terceira achega de Chapela, un autor que se deu a coñecer en 1999 coa novela xuvenil “Con Aroa, o último verán” e que, dende entón, dosifica as súas publicacións. Logo de dúas obras de narrativa adéntrase con esta nova entrega no eido da memoria para presentar un libro atípico e sorprendente, un álbum de postais en branco e negro ambientadas no derradeiro cuarto do século pasado.

Inspirado no “I remember”, do norteamericano Joe Brainard, “Lémbrome” fai un percorrido pola infancia e adolescencia do propio autor e de toda unha xeración coa que compartiu experiencias, aventuras, decepcións e alegrías, dándolle voz ao poder da memoria. E faino a través de 500 fotografías dun tempo e un lugar que lle son propios.

Xurxo Chapela estará acompañado nesta presentación polo seu editor, Paco Macías, e por Manrique Fernández, coordinador do ciclo.

Este ciclo terá continuidade o vindeiro mes de marzo coa presencia da escritora María Solar, que virá a falar da súa novela “Os nenos da varíola”.