A Xunta oferta ao CEIP Fermín Bouza Brey un servizo de comedor discriminatorio con respecto aos doutros centros escolares

O Goberno de Ponteareas persegue que a Consellería de Educación asuma a súa responsabilidade e trate ao alumnado por igual

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación comunica ao Concello a posibilidade de asinar un convenio de colaboración para xestionar o Servizo de Comedor Escolar

comedor-fermin-bouza-brey-1O goberno local de Ponteareas recibiu esta semana unha comunicación da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación dando a posibilidade de poder xestionar o servizo de Comedor Escolar no CEIP Fermín Bouza Brey dende o Concello de Ponteareas.

Esta misiva chega despois de varias solicitudes realizadas por parte da Comunidade Educativa e tamén do Goberno, e con posterioridade a adopción dun acordo plenario, aprobado por unanimidade, para que a Xunta de Galicia, en uso das súas competencias, puxera en marcha a xestión do comedor escolar no citado centro de Educación Infantil e Primaria, rematando así, dunha vez por todas, coa discriminación existente entre as familias deste Colexio e os outros CEIP do casco urbano.

Con este ofrecemento que agora fai a Consellería, aínda que o servizo de comedor quedaría garantido, as familias do Bouza Brey seguirían estando en considerable desvantaxe, xa que o aporte económico sería maior, en case todos os casos, que o que teñen que efectuar os usuarios dos outros centros educativos públicos da vila.

“O CEIP Nosa Sra. dos Remedios e o CEIP Mestre R. Sabell Mosquera aplican o Decreto 132/2013 de 1 de agosto no que se estipula o copago segundo se acrediten circunstancias persoais especias (persoas con discapacidades, exclusión social, acollemento familiar) ou rendas baixas, chegando nalgúns casos a estar exentos de pago” explica a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández.

“Porén”, continúa Fernández, “no citado convenio que a Xunta propón establecer para dotar de comedor ao Bouza Brey non se teñen en conta este tipo de exencións, tendo que asumir todos os usuarios un copago por menú de maneira obrigatoria”.

Ante a “meridiana falta de responsabilidade por parte da  Consellería de Educación neste asunto”, o rexedor municipal, Xosé Represas, decidido a defender os dereitos do alumnado pontareán, solicitará unha entrevista co Secretario Xeral Técnico desta Consellería, Jesús Oitavén, a fin de “conseguir eliminar dunha vez por todas a discriminación que veñen sufrindo as familias do CEIP Fermín Bouza Brey dende hai demasiado tempo”.