A Xunta de Goberno do Concello de Ponteareas aprobou as bases de subvencións para os cursos que se impartirán nos centros culturais ao longo do ano 2014.

logoO Concello de Ponteareas, na súa sesión ordinaria do día 10 de febreiro, acordou aprobar as bases  de subvencións para os cursos que se impartirán nos centros culturais e casa culturais de Ponteareas ao longo do ano 2014.

Con esta  iniciativa,  posta en marcha por primeira vez no ano 2012,  o Concello de Ponteareas  pon  a  disposición dos centros culturais e casas de cultura  un programa  con  máis  de  20  cursos  e  actividades,  dos  cales  os  centros culturais  poderán escoller  dous que se  desenvolverán en dúas quendas, de xaneiro a  xuño,  e  de xullo  a decembro.

Ofértanse cursos de reciclaxe e cestería ecolóxica, cociña e repostería, informática, animación infantil, arte floral, poda e selvicultura, pintura, restauración de mobles, etc. Os cursos terán unha duración de entre 20 e 25 horas e, dependendo das especificacións propias de cada un, non poderán contar con máis de 20 asistentes a cada curso.

Con esta proposta, o concelleiro de Cultura, Andrés  Sampedro Fernández, trata de  dinamizar  e poñer en valor os  centros culturais das parroquias, aprobando unhas bases de subvencións de  diferentes cursos  para que  cada  centro cultural  actúe  como polo de  atracción  e  mesmo, de motor social  e cultural dentro da  súa  área  de  influencia. Tamén se promove, con esta inicitiva, deslocalizar parte das actividades e cursos que só se desenvolvían no casco urbano de Ponteareas, achegándoas aos nucleos rurais das vinte e catro parroquias de Ponteareas.

Esta liña de subvencións para cursos que se impartirán nos centros cuturais e casas de cultura de Ponteareas  inicia  a  súa  andaina  cunha  partida presupostaria  de  11.000 euros, que  vai permitir desenvolver nos  centros culturais e  locais  sociais  de Ponteareas  arredor de 55 cursos.