Xosé Lois “O Carrabouxo” mañá en Ponteareas

Xosé Lois González Vázquez, alcumado O Carrabouxo, nado en Ourense en 1949, é un coñecido e recoñecido humorista gráfico.

Coas viñetas do Carrabouxo, personaxe que creou en 1982 e que comparte o pseudónimo do autor, ten colaborado con regularidade nos xornais La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo e tamén na revista Tempos Novos e o semanario A Nosa Terra.

Participou tamén en diversas publicación colectivas, entre estas: Humor gráfico galego, Os humoristas e a lingua ou Humor y tolerancia, e tamén nas publicacións da Bienal da caricatura de Ourense e na mostra internacional portuguesa Humorgrafe.

O Carrabouxo, mediante xogos de palabras e dobres sentidos achéganos día a día una visión retranqueira e reflexiva da realidade social na que nos atopamos.

No ano 2008 recibiu a Medalla Castelao polo seu bo facer no ámbito do humor gráfico. Mañá xoves 26 de xaneiro ás 20:00 estará no Auditorio Municipal para falarnos da relación entre o humor galego e Castelao.