Xornadas para a concienciación contra a violencia de xénero

A concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade que dirixe Verónica Carrera convida a toda a cidadanía a participar nas xornadas que terán lugar o vindeiro venres día 30 no salón de plenos do concello de 16:30 a 20 :00 horas.

Baixo o título “Actúa contra a desigualdade. Unha aproximación a experiencias galegas contra a violencia de xénero”, intervirán catro estudantes do IES politécnico de Vigo que falarán das estratexias de prevención e intervención en relación á violencia LGBT na adolescencia; Beatríz Laranxeira dende o concello do Grove co proxecto Doulas Sororas; Paula Pichel, traballadora social en ACADAR, asociación de mulleres con discapacidade de Galicia e Maite Pena, axente de igualdade e técnica de emprego no programa ITÍNERE da fundación ÉRGUETE Integración, que explicará o seu traballo coas mulleres no cárcere.

Estas xornadas enmárcanse dentro da campaña que está realizar Verónica Carrera con motivo do pasado día 25 de novembro, día contra a violencia de xénero. 

Para a concelleira é indispensable que toda a poboación se implique para que a desigualdade e as violencias sexan erradicadas dunha sociedade históricamente patriarcal. 

Dentro desta campaña tamén se repartiron camisetas e cartelería colaborando a hostalería da vila, o comercio os centros culturais e diferentes colectivos na difusión desta mensaxe de repulsa.