Xornada de convivencia para conmemorar o Día da Discapacidade

A concellería de Benestar Social e Igualdade, xestionada por Verónica Carrera e a Asociación Adapta organizarán varias actividades nas que participarán de maneira conxunta os usuarios do Centro de Día de Mondariz e os alumnos do Centro Asprodico

O próximo 3 de decembro celébrase o Día Internacional da Discapacidade e a concellería de Benestar Social e Igualdade, en colaboración coa Asociación Adapta, dependente de COGAMI, organizará unha xornada de convivencia entre os usuarios do Centro de Día de Mondariz para maiores da vila e os alumnos do taller ocupacional do Centro Asprodico.

O día comezará cunha visita dos primeiros ás instalacións da Asociación de Discapacitados do Condado e A Paradanta (Adapta) e do Centro Municipal Asprodico. Neste último, os usuarios do Centro de Día de Mondariz compartirán, a partir das 12:00 horas, un almorzo cos alumnos do taller ocupacional que se está a desenvolver ao longo do curso académico no Centro Municipal Asprodico.

Un pouco máis tarde, a partir das 12:15 horas, producirase a lectura de dous manifestos, un elaborado polos alumnos do Centro e outro realizado polos usuarios do Centro de Día de Mondariz. Ámbolos dous textos incidirán na importancia da inclusión e o empoderamento para persoas con todo tipo de capacidades. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, recordou que “segundo a Organización de Nacións Unidas existen no planeta en torno a 1.000 millóns de persoas con diferentes discapacidades e este mesmo organismo recoñece que aínda existen moitas barreiras para que estes sexan incluídos en aspectos sociais clave, polo que dende as administración temos a obrigar de promover todo tipo de iniciativas que vaian encamiñadas a paliar esta carencia”.

Para rematar a xornada, tanto os usuarios do Centro de Día como os alumnos do taller ocupacional realizarán unha actividade de ximnasia conxunta.