Xoán Martínez Tamuxe destaca a riqueza arqueolóxica e patrimonial de Ponteareas

O arqueólogo e historiador Xoán Martínez Tamuxe tomou o relevo do xornalista de Televisión Española, Roi Groba, na lectura do pregón das festas do Corpus Christi de Ponteareas.
No auditorio municipal Reveriano Soutullo, Tamuxe comezou a lectura do seu pregón destacando a importancia dos contidos que un pregoeiro selecciona e recoñecendo o papel destacado da revista Pregón.
Tamén tivo palabras de recoñecemento para as tres persoas que crearon a revista Pregón: Luis Salgueiro Rodríguez, José Casas Nova Camba e Gabino Porto Bernández e non esqueceu a Feliciano Trigo.
Como naceron as parroquias e as lendas que rodean a orixe de cada unha delas, os grabados atopados e os distintos achádegos arqueolóxicos tamén tiveron un momento na lectura do seu pregón.
A lenda da serpe, o Castro de Troña, o nacemento da cristiandade, os descubrimentos de Guillade, Florentino Cuevillas ou Bouza Brey pasaron polo discurso de Tamuxe nun auditorio ateigado de público.
Tamuxe tivo ademais palabras de agredecemento para o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, polas súas xestións na procura da declaración BIC para as alfombras do Corpus de Ponteareas.
O arquéologo nado no Rosal, quixo rematar o seu pregón cun chamamento á paz no mundo, na vila e en cada recuncho do planeta.
Pola súa parte, o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, destacou “a autenticidade da expresión cultural colectiva na confeción das alfombras, como uso social ligado a rituais, cerimonias e actos festivos como é o Corpus Christi, situanos na mellor posición para lograr a Declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial, no que estamos a traballar e para o que resulta imprescindible a vosa participación como portadores desta tradición centenaria, por ser todas e todos os alfombristas parte integrante deste patrimonio cultural”.