Xa temos as gañadoras do concurso de fotografía

A concellería de Ensino, que dirixe Cristina Fernández, anuncia que o xurado do concurso de fotografía “Ponteareas e a saúde” xa ten gañadoras.

O xurado formado por fotógrafos e fotógrafas profesionais ditaminou que os traballos “Fonte de saúde” do pseudónimo XANCARGAL, “Saúde todo o ano” do pseudónimo INAMU e “Que bonito é vivir no rural” do pseudónimo ATRAM, resultasen primeiro, segundo e terceiro gañador desta nova edición.

Tras valorar aspectos como a proposta expresiva, a correción técnica e a capacidade de reflectir a temática do concurso, os membros do xurado acordaron conceder a Carmen Covelo Méndez, alumna do CEIP Feliciano Barrera de Guláns; a Itahisa Navarro Muñoz, alumna do IES Do Barral e a Marta Álvarez Álvarez, alumna do CEIP Feliciano Barrera de Guláns, o primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente.

Cristina Fernández Davila felicita ás gañadoras e quere trasladar o seu agradecemento ao alumnado participante que fai posible este concurso, así como a todo o profesorado implicado e aos membros do xurado.

As fotografías participantes pódense ver no marco da IV Semana das Ciencias ata o 5 de abril expostas na entrada principal do auditorio municipal Reveriano Soutullo.

Este sábado día 6 ´´as 13horas procederase á entrega de premios no salón de actos do concello, despois do obradoiro “Con ciencia de muller” impartido por EDUVÍA ás 11:30 horas nos xardíns do concello ou en casa de chuvia na sala multiusos do auditorio municipal e despois do obradoiro da doutora en ciencias da saúde Thais Pousada que terá lugar ás 12:00 horas baixo o título “Trucos, trebellos e materiais de baixo custo para a vida autónoma”.