Xa está en marcha o clínic da Fundación Real Club Celta en Pardellas

25 rapaces de entre 4 e 15 anos inauguraron o primeiro clínic organizado pola fundación celeste que se celebra en Ponteareas

inicio-clinic-celta-2O campo municipal de Pardellas foi testemuña do inicio do primeiro clínic da Fundación Real Club Celta que se celebra no Concello de Ponteareas, e que conta coa colaboración da concellería de Deportes, xestionada por Benito Márquez, e da Sociedad Deportiva Juvenil, presidida por Pedro Andrés Alfaro.

O propio edil de Deportes quixo achegarse até estas instalacións municipais para comprobar de primeira man a dinámica dos primeiros adestramentos. A metodoloxía empregada neste clínic é a mesma que a utilizada nas categorías inferiores do Real Club Celta, recoñecida recentemente como unha das mellores canteiras de España por Fútbol Draft, entidade que conta co respaldo de institucións como o Consello Superior de Deportes (CSD), a Real Federación Española de Fútbol (RFEF), a Liga de Fútbol Profesional (LFP) e a Asociación de Futbolistas Españois (AFE). Este método consiste nun sistema rotativo que divide o traballo en catro áreas diferentes: coordinación, técnica e táctica, multideporte e competición.inicio-clinic-celta-3

Os 25 rapaces inscritos terán a oportunidade de aprender de adestradores de primeiro nivel, poñendo en práctica os exercicios antes mencionados en horario de 10:00 a 14:00 horas durante os días de hoxe, xoves 9 de xullo e mañá, venres 10 de xullo.

Benito Márquez mostrouse “moi satisfeito por contar coa profesionalidade dunha institución como o Real Club Celta en Ponteareas” e manifestou a intención de “traballar duro para que nos vindeiros anos sigamos organizando eventos deste estilo coa fundación celeste, permitindo aos rapaces da vila gozar de actividades deportivas de primeira calidade”.