‘Welcome to ma maison’, nova proxección en Ponteareas do ciclo Mestre Mateo

 

A veciñanza poderá ver a obras de Andrés Goteira este sábado 25 de xuño ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal

 

‘Welcome to ma maison’, nova proxección en Ponteareas do ciclo Mestre MateoNova proxección en Ponteareas do ciclo Mestre Mateo, unha actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra que traerá á vila do Tea ata novembro totalmente de balde as películas gañadoras e finalistas nos premios do cinema galego.

 

A cita será o vindeiro sábado 25 de xuño ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal coa proxección de ‘Welcome to ma maison’, un filme experimental dirixido por Andrés Goteira que xoga co formato documental para rachar coas barreiras entre actor, persoa e personaxe, amosando o comezo da viaxe aos Ánxeles de Igor, un apaixonado do cine, na procura do seu director favorito. Un falso documental rodado a modo de making of  onde todo o que se amosa é 100% real.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a gozar desta nova sesión de cine dun ciclo no que só participan cinco municipios de toda a provincia e que “non só permitirá a ponteareáns e ponteareás gozar gratis das mellores películas galegas do último ano, senón que tamén é un xeito único e directo de achegar o noso audiovisual, o noso idioma, a nosa cultura e todo o noso potencial á veciñanza”.