“Voltamos á Escola” na Casa Cultural de Cristiñade, Ponteareas, este sábado, día 15 de agosto

escola 3Este sábado, día 15 de agosto, a Casa Cultural de Cristiñade vai acoller o evento denominado “Voltamos á Escola”, organizado por ex alumnos da escola de Cristiñade, que ten como obxectivo a homenaxe aos profesores que impartían clase na escola de Cristiñade durante os anos 1960-1970 e, ao mesmo tempo, servir de punto de encontro con moitos dos alumnos, e tamén pór de manifesto as precarias condicións daquelas escolas moi pobres que facían do mestre un auténtico “titán” para sacar a diante aquelas aulas cheas de nenos.

Dentro da programación, ás 11:30 terá lugar a recepción aos asistentes para, ás 12:00 horas, ter lugar unha conferencia-coloquio sobre Educación (1960-2015) na que intervirán José Lois Martínez, José Álvarez Cid e Demetrio Prego Martínez. Este último, profesor natural de Cristiñade, será o encargado de contrastar o camiño percorrido na Educación e o cambio de valores daquela escola coa actual. Tamén se lembrará a todos os mestres e mestras que durante os case 100 anos de vida da escola formaron parte da ensinanza desta parroquia.

Segundo a organización, a este acto poden acudir pais e alumnos así como todas aquelas persoas que se sintan interesadas neste evento e a entrada é libre. Ao remate do acto, haberá unha comida de confraternidade na mesma Casa Cultural de Cristiñade, á cal poderán asistir todas as persoas interesadas, logo da reserva de praza, que se pode facer nos números de teléfono 646 041 362 e 630 783 315. O evento estará tamén amenizado polo grupo de gaitas da Asociación Tremiñado que será o encargado de pór a nota musical ao acto.