Visitas teatralizadas inclusivas e de balde para coñecer o Castro de Troña

Concello e Deputación de Pontevedra poñen en marcha esta actividade para difundir a historia e o valor cultural e patrimonial deste xacemento

Visitas teatralizadas inclusivas e de balde para coñecer o Castro de TroñaO Concello de Ponteareas organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra dúas visitas teatralizadas ao Castro de Troña que serán de balde e abertas a todos os públicos. As actividades, postas en marcha ao abeiro do programa Historias Cavadas do ente provincial, buscan “achegar ao público de xeito ameno e didáctico a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico, patrimonial e simbólico de xacementos arqueolóxicos tan importantes como o que temos na nosa vila”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

As visitas serán totalmente accesíbeis e inclusivas, podendo solicitar tamén asistencia de intérprete de lingua de signos. Os encontros serán o vindeiro domingo 25 de setembro en horario de mañá, ás 12.00 horas, e o xoves 29 a partir das 17.00 horas. Haberá dispoñibles 30 prazas dispoñíbeis por visita. As persoas interesadas poden realizar xa a súa inscrición e reserva na Biblioteca Municipal de Ponteareas ou a través do 986 660 765.

Da man do teatro e da escenificación da compañía Troula Animación, o público poderá comprender de forma didáctica e divertida o importantísimo papel que ten este xacemento arqueolóxico como testemuño do pasado e o indispensábel labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz, mantelos en perfectas condicións e que continúen a súa historia cara ao futuro.