
Alcaldesa e concelleira de Emprego de Ponteareas pecharon xunto ao alcalde das Neves e ao delegado da Xunta a última edición
Dende 2015 uns 160 veciños e veciñas pasaron polas aulas de formación dual da vila do Tea
O Concello segue a traballar por favorecer a inclusión no mundo laboral dos seus veciños e veciñas. Dende o ano 2015, arredor de 160 veciños e veciñas de Ponteareas e As Neves pasaron polas aulas de formación dual da vila do Tea e melloraron a súa empregabilidade grazas aos obradoiros de formación dual ‘Coidar de Nós’, que hoxe pechou a súa cuarta edición.
O alumnado recolleu hoxe os seus diplomas acreditativos nun acto de clausura no Centro de Desenvolvemento Local no que estivo presente a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; a concelleira de Formación e Emprego ponteareá, Vanesa Fernández Soage; o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

“Este obradoiro permite a moitos dos nosos veciños e veciñas acceder a unha nova formación, reciclarse profesionalmente nalgúns casos e acadar novas ferramentas que lles facilitan a integración no mundo laboral con novas saídas”, destacou a rexedora. Fernández Davila quixo dar os parabéns a todo o alumnado e valorou “a súa implicación e o compromiso con este obradoiro, as gañas de aprender e de formarse para ter unha oportunidade en dous sectores con moita saída laboral, como son o sociosanitario e o forestal”.
Pola súa banda, a concelleira de Formación e Emprego recalcou que estes obradoiros son un exemplo claro da aposta do Goberno municipal de Ponteareas “por axudar a crecer laboral e persoalmente aos nosos veciños e veciñas, traballando de forma coordinada con distintas administracións públicas cando é preciso para mellorar as súas posibilidades de futuro”. “Fórmanse en dous sectores cun retorno moi positivo na nosa contorna que na actualidade conta cun índice de empregabilidade de máis do 90%”, recordou Fernández Soage.
Esta cuarta edición do obradoiro de emprego de formato dual ‘Coidar de Nós’, que tivo unha duración de nove meses, contou cun investimento de arredor de 29.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de 347.000 euros pola Xunta de Galicia a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade. Este taller acolleu un módulo de atención sociosanitaria, que centrou as súas prácticas no coidado de persoas dependentes en domicilio, e de actividades auxiliares e conservación e mellora de montes, que actuou no parque da Picaraña de Ponteareas e en Chan de Vide, nas Neves.
