Versos de Area preséntase hoxe agasallando un recital poético

A concellería de Cultura e Lingua, que dirixe Fernando Groba, e a Asociación Versos de Area convidan a toda a cidadanía a participar no recital poético que terá lugar hoxe xoves 8 de agosto ás 21 horas no local JJ Copas.

Versos de Area nace a partir do curso de escrita creativa que se impartíu na biblioteca municipal por iniciativa da concellería dende finais do ano 2016, impartido polo dramaturgo e profesor Roi Vidal Ponte. Algúns destes alumnos e alumnas amosaron a súa debilidade pola poesía dando lugar a este grupo de poetisas e poetas que traballarán na difusión da obra de creadoras e creadores de Ponteareas e de toda Galicia que non teñen acceso ás grandes canles de difusión.

Hoxe no JJ Copas Versos de Area recitará poemas creados por eles e elas pero tamén convidarán a que todos e todas as presentes lean aqueles versos que máis lles gusten dos seus poetas e poetisas preferidos. Neste acto tamén difundirán a figura do ponteareán Xoán García de Guillade e a de outros creadores e creadoras ponteareás. Versos de Area é un grupo aberto ao que calquera veciño ou veciña que desfrute da arte literaria pode unirse.