Valoración positiva da calidade do servizo de recollida selectiva de residuos de Ponteareas

concelloA empresa Ecoembes, encargada da recollida selectiva de residuos selectivos en Ponteareas, entregoulle ao Concello de Ponteareas o seu informe de Verificación da calidade do servizo da recollida de papel/cartón e de envases lixeiros. Neste informe téñense en conta varios parámetros para analizar a calidade do servizo ofertado aos veciños como son o mantemento e reposición dos colectores, así como a súa limpeza ou desbordamento, acadando uns valores correctos en todos os parámetros, tanto no que se refire ao papel e cartón como ao tocante aos envases lixeiros, acadando unha puntuación positiva do 75% no primeiro caso e dun 100% no tocante aos envases lixeiros.

Este documento, segundo informa o concelleiro de Servizos Comúns, Jesús Cao Vila, vén salientar a boa calidade do servizo de recollida selectiva deste tipo de residuos en Ponteareas, feito que, ao mesmo tempo, implica un impacto positivo directo na participación dos usuarios xa que incentiva ao uso deste tipo de contedores selectivos. Así mesmo, amosa a súa satisfacción pola valoración do informe e quere agradecerlles a todos os veciños e veciñas de Ponteareas a súa implicación na reciclaxe e anímaos a colaborar para conseguir que cada ano en Ponteareas se acaden cotas máis altas de separación selectiva e de reciclaxe.