Unha vintena de voluntarios e voluntarias limparon a contorna do río Uma

Unha vintena de voluntarios e voluntarias limparon a contorna do río Uma

 

Retiraron dende extintores ata aceites, colchóns ou diferentes elementos de automóbiles

 

Gran labor o realizado polo grupo rapaces e rapazas do voluntariado ambiental xuvenil, que retomaron as saídas cunha recollida de residuos no na contorna do Uma. Unha mañá de traballo na que percorreron as beiras do río retirando unha morea de residuos da máis variada tipoloxía, dende extintores e aceites e disolventes, ata colchóns, xeringas ou distintas partes de automóbiles, como defensas ou rodas.

 

O concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, resalta a importancia da retirada de todo o lixo recollido durante xornada, “situado en zonas de escorrentía que provoca que os residuos rematen no río”. O edil quixo agradecer o traballo dos voluntarios e voluntarias, que demostraron unha vez máis que Ponteareas conta con mocidade comprometida coa localidade e co medio ambiente.

 

“Con estas accións buscamos contribuír a acabar co grave problema que supón o abandono de lixo nun espazo natural, pero tamén contribuímos a concienciar á mocidade sobre a importancia de conservar a nosa contorna natural”, concluíu.