Unha vintena de mozos e mozas representarán a Ponteareas no III Torneo Eixo Atlántico de Taekwondo

Unha vintena de mozos e mozas representarán a Ponteareas no III Torneo Eixo Atlántico de Taekwondo

 

A cita reunirá a arredor de 150 deportistas esta fin de semana no Centro de Alto Rendemento de Vila Nova de Gaia

 

Ponteareas terá representación no III Torneo Eixo Atlántico de Taekwondo, que se disputará esta fin de semana en Vila Nova de Gaia. Unha vintena de mozos e mozas da vila acompañados de tres técnicos desprazaranse ata o concello luso de Vila Nova de Gaia para participar os días 9 e 10 de abril na terceira edición deste trofeo organizado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Gaia en colaboración co Eixo Atlántico e a Associação de Taekwondo de Oliveira do Douro.

 

Tras o éxito dos torneos realizados en 2017 e 2019, esta nova edición marcará o reencontro entre arredor de 150 deportistas novos e novas da modalidade de combate dos concellos do Eixo Atlántico. A competición terá lugar no Centro de Alto Rendemento de Gaia, onde as e os participantes deberán enfrontarse nunha proba de combate olímpico con dez categorías de peso nas modalidades de cadete e júnior.

 

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, despediu este venres ao grupo de participantes, aos que lles desexou “moita sorte no torneo. Agardamos que gocen dos bos momentos deportivos que van vivir e da convivencia con outras e outros deportistas do Eixo Atlántico”.

 

É a primeira vez que Ponteareas participa neste torneo tras a súa recente incorporación ao Eixo Atlántico, un paso moi importante para a vila, xa que lle permite traballar e complementarse con outros concellos para implementar accións e medidas que lle permitan seguir crecendo social, turística ou economicamente.