Unha fin de semana chea de eventos en Ponteareas

 

Coinciden no municipio o Festival Internacional de Teatro de Rúa, a Feira de Oportunidades, dúas actuacións musicais, e un espectáculo de maxia

 

A próxima fin de semana de Ponteareas está chea de eventos. Durante o sábado e o domingo coinciden no municipio o Festival Internacional de Teatro de Rúa (só sábado), a Feira de Oportunidades, dúas actuacións musicais nas parroquias, e un espectáculo de maxia. 

 

O IV Festival Internacional de Teatro de Rúa de Ponteareas rematará o sábado con catro actuacións. O día abrirá o pano ás 19.00 horas co espectáculo itinerante “Ponteareas é un conto” de EducaTeatro. Os actores comezarán nos xardíns da Xiralda, un percorrido que rematará no parque da Feira Vella. Alí, media hora máis tarde, os monicreques da Compañía Micromina Títeres contarán as súas historias ata ás 20.30 horas, momento no que os actores e actrices de Educa Teatro levarán ao público ata a Praza Maior. Lugar que acollerá o peche do festival coa actuación ás 21.00 h da Compañía Pakolas.

 

O sábado tamén comeza a IX edición da Feira de Oportunidades que se prolongará ata o domingo. Case unha vintena de negocios ocuparán a rúa Oriente, a rúa Esperanza, e a Praza Maior, para mostrar os seus mellores produtos. A Asociación de Comerciantes Tea repartirá premios inmediatos e organiza unha concentración de coches clásicos para acompañar a Feira o domingo. 

 

As parroquias e os centros culturais de Ponteareas tamén poderán desfrutar da cultura en directo. O sábado ás 21.00 horas o grupo Voces de Arrieiro tocará no Torreiro de Areas, o domingo ás 13.00 h será a quenda de Unión Guláns no C.C. Antorcha Cristiñade, e o mesmo día ás 19.00 horas a Casa Cultural Cumiar acollerá o espectáculo de maxia e humor de Leo Leíño.