Un informe técnico achaca os problemas da Avenida de Galicia ao boom construtor de hai 20 anos

O Alcalde de Ponteareas saíu ao paso das críticas da oposición ás obras de saneamento que se están realizando na Avenida de Galicia. O rexedor municipal defende a súa xestión esgrimindo un informe técnico do enxeñeiro municipal. Segundo Represas “o informe pon en evidencia a terrible herdanza que nos deixaron os anteriores gobernos e o enorme esforzo que estamos facendo para solucionar as chapuzas inconcebibles dos mesmos que agora nos critican”.

No informe técnico, o enxeñeiro municipal atribúe o problema ao “boom construtor de Ponteareas” de hai 20 anos cando “en lugar de facer un colector xeral de saneamento ao que se terían que acoplar as sucesivas edificacións, fixéronse varios colectores paralelos entre si, sen coordinación e sen planos que recollesen as obras realizadas”. O técnico advirte que a día de hoxe aínda non se coñece todo o que hai no subsolo do casco urbano e que se están realizando excavacións e introducindo cámaras para “solucionar a desfeita producida”.

O enxeñeiro engade que se “están a solucionar algúns tramos como a Avenida de Galicia, Paseo Matutino e Rogelio Groba a medida que imos coñecendo a situación do saneamento mal executado e a medida que imos dispondo de recursos económicos para tales fins”.

Segundo o técnico municipal, no entronque do Paseo Matutino e Avenida de Galicia o espazo achícase pois a rúa ten apenas 6 metros acumulándose nese espazo multitude de servizos de saneamento, abastecemento, electricidade, telecomunicacións e gas. Isto explica, segundo o enxeñeiro, a lentitude nas obras porque as excavacións teñen que realizarse manualmente, “practicamente de minería apuntalando os servizos existentes para poder pasar as novas tuberías de saneamento con seguridade para evitar o sepultamento dos operarios”.

Dacordo co informe técnico, nas obras realizadas descubríronse colectores de gres, outros con pendentes ao revés e arquetas que non teñen cimentación apoiándose directamente nos tubos provocando o seu aplastamento e rotura. Ademais, foi preciso demoler varias arquetas en mal estado e repoñelas novas, construir un caixón de formigón armado de 2,50 metros de altura para centralizar as tuberías que discorrían sen ningún criterio e creouse un rebosadeiro para conducir ao caixón posibles desbordamentos por treboadas fortes.