Turismo de Galicia e Abanca, reafirman o seu compromiso coa Festa do Corpus Christi de Ponteareas

Ámbolos dous organismos salientan a importancia das alfombras florais de que son as máis importantes de Galicia e que fan de Ponteareas “un referente internacional na arte da confección das alfombras florais”.

Turismo de Galicia achegará 40.000 euros para os gastos da Festa do Corpus, aos que Abanca engadirá 10.000 euros máis.

 O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa García, asinaron o convenio de colaboración polo que as dúas entidades farán unha achega de 50.000 euros de cara a cubrir o orzamento previsto para a celebración da Festa do Corpus Christi 2017.

En virtude do convenio asinado, a Axencia de Turismo de Galicia achegará 40.000 euros, mentres que Abanca contribuirá cos 10.000 euros restantes. Pola súa banda, o Concello de Ponteareas, incluirá en toda a documentación e soportes referidos á Festa do Corpus 2017, a ‘Marca Galicia’ e o anagrama da entidade bancaria como patrocinadores do evento.

O apoio tanto de Turismo de Galicia como de Abanca, non é máis que o recoñecemento da importancia da Festa do Corpus Christi de Ponteareas e das súas alfombras florais, das que, as dúas entidades destacan  que “son as máis importantes de Galicia” amais de converter a Ponteareas “nun referente internacional na arte de confección de alfombras florais” amais de subliñar, no propio texto do convenio asinado que a súa tradición en materia de confección de alfombras de flores “é unha das máis antigas do mundo”.

A promoción dunha festa do calado do Corpus de Ponteareas, tal e como figura no convenio asinado, entra de cheo dentro das competencias da Axencia de Turismo de Galicia que son “a valorización dos recursos turísticos así como o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial”.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que agradecía tanto o apoio da Axencia de Turismo de Galicia como de Abanca, salientaba a importancia do apoio “a unha celebración que segue viva en Ponteareas dende hai máis de 150 anos” e que reflicte, aseguraba o rexedor local, “o traballo solidario e colectivo de todo un pobo na procura dun obxectivo común”.