O concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, xunto aos responsables da empresa GaliPat, presentaron hoxe na Casa do Concello “Un día na Idade do Ferro”, unha nova programación didáctica sobre o Castro de Troña.
Segundo palabras do edil de Cultura, esta nova iniciativa contribuirá dun xeito moi efectivo a revalorizar e difundir un dos elementos patrimoniais máis emblemáticos de Ponteareas, como é o Castro de Troña, achegando á poboación escolar todo o mundo castrexo desde distintas ópticas, tanto educativas coma lúdicas.
A empresa GaliPat Servizos Culturais, en colaboración co Concello de Ponteareas desenvolve unha nova programación didáctica sobre o mundo castrexo que executará no coñecido Castro de Troña. A programación, que leva por título “Un día na Idade do Ferro” pretende achegar todos os segredos da cultura castrexa aos máis novos. Para tal fin, GaliPat deseñou unha serie de opcións de visita a este castro.
En primeiro lugar, temos a posibilidade de visitar o Museo municipal de Ponteareas coa intención de familiarizarnos coa cultura material do castro para, posteriormente, realizar unha visita guiada cun monitor especializado polo castro de Troña.
En segundo lugar, GaliPat deseña unha opción na que se pode escoller un obradoiro didáctico para complementar os coñecementos da visita guiada. Nestes obradoiros didácticos, que se executarán no museo de Ponteareas e no propio castro, as nenas e nenos poderán experimentar dunha maneira lúdica e inédita en Galicia aspectos do día a día dos castrexos. A caza, a importancia do lume na Prehistoria, os diferentes sistemas de encalado e pintura das casas ou as pezas de adobío serán algúns dos temas que se traballarán nestes obradoiros castrexos. Con esta iniciativa GaliPat alcanza os 7 obradoiros didácticos, o que convirte esta programación inédita en Galicia na máis completa e ambiciosa do panorama arqueolóxico galego. Deste xeito, GaliPat, que se encargará da xestión da información e das reservas así como da execución da programación, brinda a oportunidade a todos os centros escolares de coñecer un dos castros máis espectaculares da provincia de Pontevedra. Un novo xeito de experimentar a cultura castrexa e de coñecer o noso patrimonio arqueolóxico.
Para recibir máis información, as persoas interesadas poden pórse en contacto coa empresa, a través de info@galipat.es ou no teléno 660 468 394. Así mesmo, poden facerse as reservas a través de reservas@galipat.es