Traballo en equipo e diversidade cultural, claves no intercambio en Croacia no que participaron 8 mozos e mozas de Ponteareas

Traballo en equipo e diversidade cultural, claves no intercambio en Croacia no que participaron 8 mozos e mozas de Ponteareas

 

Participaron no proxecto ‘Actúa localmente, pensa globalmente’, que busca sensibilizar á mocidade sobre a importancia da diversidade cultural

 

Grande experiencia a dos oito mozos e mozas do Servizo de Voluntariado do Concello de Ponteareas que estiveron na localidade croata de Malino participando no proxecto de intercambio xuvenil ‘Actúa localmente, pensa globalmente’ con rapaces e rapazas de de 18 a 29 anos procedentes de organizacións locais de Turquía, Romanía, Grecia, Croacia e a República de Macedonia. Oito días de convivencia no que ademais de mellorar a súa competencia lingüística, fomentaron o traballo en equipo e o coñecemento da diversidade cultural.

 

Acompañados pola técnica da oficina de voluntariado municipal, Rocío Márquez, en colaboración coa Asociación Sociocultural Aporía, socia do proxecto, estes oito rapaces e rapazas aproveitaron esta estancia para intercambiaron experiencias e coñecer como é a mocidade en cada país, as necesidades que detectan, como funcionan os programas de intercambio con outros países e desenvolver propostas de participación xuvenil que se poidan aplicar en cada unha das localidades de residencia, creando sinerxías para proxectos futuros.

 

Durante a súa estancia, os mozos e mozas ponteareás mergulláronse nunha metodoloxía baseada na educación non formal, fomentando o diálogo intercultural, aprendendo de forma creativa e impulsando a reflexión persoal, sempre nunha contorna natural e ambientalmente sostible. Unha das actividades nas que participaron foi un taller de escultura, talla e gravación nos que os e as participantes achegaron o seu gran de area para crear un proxecto diverso e multicultural.

 

O concelleiro de Voluntariado, Miguel Bouzó, felicitou aos mozos e mozas por aproveitar ao máximo a experiencia, “unha oportunidade moi interesante para todas e todos eles”, e agradeceu o seu labor participando nas actividades que o Concello organiza ao longo de todo o ano.

 

O proxecto ‘Actúa localmente, pensa globalmente’ trátase dunha iniciativa financiada polo programa de mobilidade Erasmus+, que ten por obxectivo sensibilizar á mocidade participante sobre a importancia da diversidade cultural dentro das comunidades e os seus beneficios, potenciando iniciativas dirixidas a fomentar a tolerancia, a solidariedade e unha verdadeira inclusión social.