Todos unidos contra o cancro de mama

O Concello de Ponteareas colga o crespón rosa nos edificios municipais con motivo da Semana do Cancro de Mama. Da man da Asociación Cancro de Mama Pilar Domingo, organizadora das actividades en colaboración coa Concellería de Sanidade, a cidade de Ponteareas acollerá esta semana unha charla no auditorio municipal o vindeiro xoves día 19 ás 20:30 horas na que intervirá a psicóloga Bárbara Arenas, a enfemeira de oncoloxía Eva González e a dietista Ana Fariña. 

O venres 20 ás 19:00 horas a Asociación Cancro de Mama Pilar Domingo presentarase na casa do Concello de Salceda de Caselas.

O sábado día 21 arrancará a andaina solidaria na que poden participar tódalas familias sen previa inscrición e que recadará fondos para a loita contra o cancro de mama. A saída será ás 17 horas dende a Praza Maior que pasará pola ponte dos Remedios para chegar á Freixa donde haberá unha sesión de ioga e un pequeno descanso para logo retornar á Praza Maior donde tódolos participantes poderán bailar ao ritmo dos sons latinos. Cabalos do Club de Hípico Char encabezarán a andaina solidaria.

O vindeiro 11 de novembro ás 20:00 horas terá lugar no auditorio municipal de Pontearas o concerto solidario a cargo do grupo As Donicelas.

Con moito espírito solidario a firma ponteareá de moda curvy Victoria 56 realizou os crespóns rosas en colaboración cos bombeiros de Ponteareas que quixeron amosar o seu apoio.

O comercio de Ponteareas tamén é rosa e por iso en colaboración coa Concellería de Comercio colocan estes días crespóns rosas nos seus escaparates e establecementos.

A Concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, destaca a importancia da existencia deste tipo de asociacións que velan pola saúde e o benestar das persoas e insiste na necesidade de previr e de invertir na detección precoz.

A Asociación Cancro de Mama Pilar Domingo está situada na rúa Santa Ana, 25, de Ponteareas e ofrece ás asociadas asistencia psicolóxica, nutricional e outros servizos dos que se pode obter máis información no teléfono 617 330 171 ou no mail, ascam.pilardomingo@gmail.com