Todo un verán de aventuras na ludoteca municipal

A ludoteca municipal abre as súas portas para pasar un verán cheo de aventuras e diversión

 

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nas actividades que desenvolverá nos meses de xullo e agosto

 

Chega a época estival e a ludoteca municipal xa ten lista a súa programación de actividades para un verán de lecer lúdico, divertido e educativo. Os meses de xullo e agosto a ludoteca abrirá de novo as súas portas a cativos de 6 a 12 anos, que poderán gozar dun verán de aventuras por grupos de idade. “A ludoteca municipal prepara un verán cheo de actividades para que nenos e nenas aproveiten o tempo libre estival para aprender xogando”, explica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera.

 

As persoas interesadas xa poden formalizar a inscrición de nenos e nenas elixindo unha quincenas, quincenas separadas, un mes completo ou todo o verán. Cada grupo de idade terá asignado un día da semana, aínda que os rapaces e rapazas que queiran poderán inscribirse dúas mañás, a segunda delas no grupo de ratio de idade máis acaído. Así, os cativos e cativas de 6 e 7 anos irán os martes, de 8 e 9 os xoves, de 9 e 10 anos os luns e de 11 e 12 os mércores.

 

A taxa participante e quincena é de 14,64€ por unha mañá completa ou de 29,28 en caso de acudir dúas. O horario será de 10.00 a 14.00 horas, realizando a primeira hora aquelas actividades de exterior programadas e o resto no interior para evitar as horas de máxima calor.

 

Xogos, manualidades, repostería e cociña, expresión corporal e musical, rastrexo, actividades de reciclaxe, saídas… son só algunhas das actividades preparadas para este verán. Recoméndase levar roupa e calzado cómodos, unha botella de auga e merenda.

 

As persoas interesadas poderán realizar a inscrición de 09.00 a 15.00 horas acudindo ás instalacións da ludoteca, situadas na Avenida de Castelao, ou ben chamando por teléfono ou enviando whatsapp ao número 673 79 47 60.

 

Como lembra a concelleira de Benestar Social, a ludoteca municipal é un espazo lúdico e educativo que dende 1998 “ofrece unha ampla variedade de actividades de lecer nas que as nenas e nenos son os protagonistas. Sempre cunha atención personalizada e de calidade onde o benestar da infancia é o fundamental”.