Tilín e Tilón en Estrazalonia, do Baúl da Tía Tola, o sábado día 23 de novembro, ás 12.00 horas na sala multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo

A Concellería de Cultura e Lingua, que dirixe Fernando Groba, volve programar dentro do proxecto Apego unha nova actividade para os máis cativos, “Tilín e Tilón en Estrazalonia”, que terá lugar este sábado día 23 ás 12 horas na sala multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo.

Para poder asistir a esta actividade, cómpre facer a inscrición previa no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, teléfono 986 64 00 00

Estrazalonia é un espectáculo pensado e creado para nenos e nenas dende 1 a 5 anos, e para o goce de todos os públicos en xeral.

É unha obra teatral que pretende o estímulo dos sentidos viaxando a través das emocións, as sensacións, a sorpresa e a ilusión. A Estrazalonia chegan Tilín e Tilón, cada unha co seu son e atoparán un mundo de papel, onde todo é o que cada quen quere que sexa. Neste mundo os cativos descubrirán novas texturas, novos sons, a maxia das transformacións e o poder da imaxinación.

Esta actividade é de balde e forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual que fomentan a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto Apego.

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma.

Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.