Terror rural e humor pechan o ciclo de cine ‘Mestre Mateo’ en Ponteareas

Este sábado 3 proxectarase ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal ‘Jacinto’. Entrada de balde ata completar aforo

Terror rural e humor pechan o ciclo de cine ‘Mestre Mateo’ en PonteareasPonteareas baixa o pano esta fin de semana do ciclo de cine ‘Mestre Mateo’, unha actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra que ao longo dos últimos meses trouxo á vila a proxección gratuíta de películas gañadoras e finalistas nos premios do cine galego, cos que cada ano se recoñecen a excelencia das producións audiovisuais de Galicia.

Este sábado 3 de decembro o ciclo pecha as súas portas coa proxección de ‘Jacinto’, unha película de terror rural e humor guionizada e dirixida por Javi Carrera que conseguiu o emocionante premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Masculina Protagonista, outorgado de forma póstuma ao finado Pedro Brandariz; o de Mellor Dirección de Arte; Mellor Maquillaxe e Perruquería e Mellor Vestiario.

A película, situada nos montes de Lugo, céntrase na relación entre o propio protagonista, Jacinto, e a súa familia con dous mozos procedentes de Suecia que chegan á súa zona de residencia. Con banda sonora de Wenceslao Lama, a crítica comparou este traballo de Carrera coa película ‘A matanza de Texas’ e co cine fantástico español.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar desta última sesión de cine do ciclo Mestre Mateo na vila este ano, que permitiu a Ponteareas “achegarse ao mellor cine galego de balde e ao noso idioma a través de canles vitais como a cultura”.

A proxección será ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. Será balde con entrada libre ata completar aforo.