Terror divertido para toda a familia na Praza Maior

A concellería de Cultura e Normalización Lingüística que dirixe Hortensia Bautista informa que a Praza Maior de Ponteareas acollerá este sábado, día 28, ás 21:30 horas, o espectáculo familiar A casa do terror, de Xoán Curiel e a Banda Son+d2, dentro do programa Falaredes da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A casa do terror é unha aventura, na cal un grupo de amigos se ve obrigado a durmir nunha casa encantada e vive aventuras divertidas e terroríficas relacionadas coa música, a amizade e a superación dos propios medos.

A perspectiva do terror trátase neste espectáculo dun xeito divertido e lévase a cabo a través de orixinais personaxes coma as pulgas sombis, o lobo lover, ratatiburóns, gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma, e un longo etc.

Este é un divertido e dinámico espectáculo musical con cancións, danzas, elementos teatrais ou de clown e sobre todo moita participación do público asistente. Desde o primeiro instante o público será partícipe desta terrorífica aventura na que haberá risas, coreografías e algún que outro susto.

A casa do terror é o novo espectáculo de  Xoán Curiel e a Banda Son+d2, que será tamén un libro-disco editado por Galaxia ao longo do ano 2018.