Teresa Ríos, Carmen Lemos, e Laura Domínguez, gañadoras do concurso de relatos breves Remata o Conto

O Concello organiza xunto a Banastra este concurso para “potenciar a creación literaria entre a mocidade de Ponteareas”

O xurado destacou ” a calidade literaria, a orixinalidade, a corrección lingüística, e a adecuación ao tema” das gañadoras

 

O certame de relatos breves Remata o Conto que organiza o Concello de Ponteareas, e a Federación de comercio, hostalaría e servizos de Ponteareas (Banastra) xa ten gañadoras. Teresa Ríos gañou o primeiro premio, Carmen Lemos o segundo, e Laura Domínguez o terceiro. O concelleiro de Cultura e Lingua e membro de xurado, Fernando Groba, destacou a “calidade literaria, a orixinalidade, a corrección lingüística, e a adecuación ao tema” das tres gañadoras, e afirmou na entrega de premios que o seu traballo neste concurso “potencia a creación literaria entre a mocidade de Ponteareas. E iso é moi importante”. 

 

O xurado do premio estivo formado por Manrique Fernández Vázquez, Raquel Castro, Fernando Groba Bouza e Sofía Rodríguez, que actuou como secretaria con voz e sen voto. E na entrega de premios, ademais do concelleiro de Cultura, tamén estivo presente Yolanda Carballido, presidenta de Banastra. 

 

Remata o Conto é un certame con unha gran tradición na vila de Ponteareas, e que se convoca para coincidir coa celebración da Feira do Libro. O edil destaca que ademais de apostar pola cultura literaria, tamén axuda ao comercio local premiando as persoas gañadoras con vales para investir en estabelecementos do concello.