Tecnoloxía pioneira nas case 2.500 novas luminarias coas que xa contan sete parroquias de Ponteareas

Os traballos, promovidos pola concellaría de Vías, Obras e Alumeado, foron cofinanciados ao 80% polo IDAE

Supuxo unha mellora do aforro enerxético e da seguridade cidadá que beneficiou ás e aos 2.396 habitantes de Paredes, Padróns, Fozara, Ribadetea, Xinzo, Arnoso e Areas

Tecnoloxía pioneira nas case 2.500 novas luminarias coas que xa contan sete parroquias de PonteareasAs parroquias de Ponteareas presumen de novo alumeado. Ao abeiro do proxecto de renovación das instalacións de alumeado público exterior municipal, o Concello xa rematou a renovación total de practicamente o 100% dos cadros de mando e de case 2.500 puntos de luz nas parroquias de Paredes, Padróns, Fozara, Ribadetea, Xinzo, Arnoso e Areas, así como máis de 5.500 metros de cable que non estaba en boas condicións. Unha cifra superior aos 36 cadros e 2.336 luminarias necesarias inicialmente para conseguir unha infraestrutura nesta zona segura e eficiente enerxeticamente que, como salienta a concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote, “amosan a nosa aposta continua polo rural do Goberno local do BNG-PSOE, tamén no alumeado, xa que cando iniciamos o proxecto de remodelación das luminarias públicas consideramos prioritario comezar polas parroquias”.

A renovación do alumeado nestas sete parroquias beneficia ás e aos seus 2.396 habitantes, mellorando o aforro enerxético e a seguridade cidadá en todas elas. O proxecto foi cofinanciado ao 80% por fondos do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Nestas sete parroquias tamén se cambiaron proxectores ornamentais e retiráronse algúns postes que se atopaban en malas condicións.

As luminarias elixidas contan cunha tecnoloxía pioneira que se “anticipa ás tendencias futuras en iluminación viaria que xa se están empezando a esixir para acceder a determinadas subvencións derivadas de Europa”, salienta Garrote. A través destas novas luminarias conséguese unha redución importante da luz esparexida á atmosfera, diminuíndo a contaminación luminosa e favorecendo o confort e a saúde das persoas.

O proxecto de renovación das instalacións de alumeado exterior municipal na Zona Rural 1 supuxo un investimento de máis de 1,1 millóns de euros cofinanciados ao 80% ao abeiro da liña de axudas a proxectos de Economía Baixa en Carbono, promovidos por entidades locais, cofinanciada con fondos FEDER e xestionada polo IDAE co obxectivo de conseguir unha economía máis limpa e sostible. A renovación nestas sete parroquias ponteareás, como explica a alcaldesa, Cristina Fernández, “permitirá un aforro do 68% na emisión de CO2 e un aforro económico do 71% ao Concello no investimento en enerxía, ademais de mellorar a seguridade cidadá para circular polas rúas en horas nas que xa non hai luz natural”.